Thursday 25 de April de 2024

MEDIO AMBIENTE ADXUDICA POR CASE 70.000 EUROS AS OBRAS DE MELLORA E HUMANIZACIÓN DO NÚCLEO DA CASTELLANA, EN ARANGA


A actuación, cuxos traballos previos ao inicio da obra se acometeron esta semana, consiste no soterramento das liñas de alimentación, a colocación de novo mobiliario urbano, como luminarias, bancos ou marquesiñas, e a definición de zona de aparcamento para os vehículos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar por case 70.000 euros as obras de mellora e humanización do núcleo da Castellana, en Aranga. Trátase dunha actuación froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Aranga.

Tras a aprobación do plan de Seguridade e Saúde e despois de que esta semana se fixeran as comprobacións necesarias sobre o terreo, os traballos previos para poder iniciar as obras na zona xa están listos e rematados.

A necesidade desta actuación xustifícase polo estado actual que presenta este núcleo e tamén para complementar os traballos executados no ano 2016, que implicou o cambio de bordos e plaquetas das beirarrúas, así como o substitución das tubaxes de saneamento.

As obras obxecto deste convenio prevén soterrar as liñas de alimentación, a colocación de novo mobiliario urbanos, como luminarias, bancos, marquesiñas…, a definición de zona de aparcamento para os vehículos, así como paneis, para trasladar información relativa á contorna natural.

Por último, coa execución desta obra dáse cumprimento a tres obxectivos fundamentais do Goberno galego: fomentar a humanización das vilas de Galicia, favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial na Comunidade.